Friday 10 de May de 2024

Cambre e Xunta asinan o convenio para a limpeza do Río Mero


A Xunta colaborará cunha achega de 40.000 euros ao Concello de Cambre que será o que leve a cabo os traballos

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinaron o convenio de colaboración para o acondicionamento do río Mero. O convenio estipula a roza bianual de ambos os dous marxes do paseo fluvial.

Trátase dunha prioridade para o executivo local que desde o ano 2015 mantivo conversas coa actual conselleira para chegar a un acordo que acondicione o paseo para uso e disfrute da veciñanza. García Patiño agradeceu o compromiso amosado por Mato para a limpeza dun dos recursos turísticos e ambientais máis importantes do Concello.

Mato e Patiño abordaron asemade temas de interese local nunca reunión posterior á sinatura do acordo, á que tamén acudiú o responsable de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez.

Mato brindou a colaboración a Cambre para avanzar no futuro na tramitación do plan xeral cuxa redacción volverase a licitar este ano despois da extinción coa anterior UTE redactora do documento. Asemade, o alcalde pediulle a autorización para o acondicionamento das tres zonas de esparexemento e ocio no río, unha solución para o problema de vertidos na Gándara, e sobre a situación da estación de Bombeo do Temple.

O convenio asinado estipula o desbroce con medios mecánicos do espazo de 2,5 m a cada lado da mota de 17 quilómetros de paseo. A Xunta colaborará cunha achega de 40.000 euros ao Concello de Cambre que será o que leve a cabo os traballos.